Un ano máis tiven a sorte de formar parte do xurado na categoría de creación de videoxogos do programa Xuventude Crea. Sempre é unha experiencia especial. Ves ideas novas, propostas moi persoais e, sobre todo, moito esforzo detrás de cada proxecto.
Este certame, organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, cumpre xa 16 edicións. Naceu para algo moi simple pero necesario: ofrecer espazo para que a mocidade galega poida crear, ensinar o seu talento e abrir portas no mundo artístico. E funciona. Ao longo destes anos participaron máis de 5.300 rapaces e rapazas, presentáronse case 4.000 obras entre todas as categorías.
En videoxogos noteino especialmente. Houbo máis participación ca en anos anteriores, e iso sempre é unha boa noticia. Ademais, algo que persoalmente me alegra moito: cada vez hai máis mulleres creando videoxogos. Programando, deseñando, escribindo, ilustrando… ocupando espazos que durante moito tempo parecían pechados para elas. É unha tendencia que se nota, e que dá moita esperanza.
Tamén se nota un salto de calidade. Proxectos máis completos, ideas máis valentes e equipos que traballan con moita profesionalidade, aínda que moitos deles estean empezando. Hai xogos pensados para rir, outros para emocionar e incluso para facer reflexionar. É marabilloso ver como a creatividade segue a medrar en Galicia.
Para min foi unha alegría repetir como membro do xurado. Cada ano aprendo algo novo e comprobo que o talento da mocidade galega non deixa de sorprender. Ver máis participación, máis diversidade e mellor calidade anímame a seguir apoiando esta iniciativa. Oxalá estes proxectos sigan medrando e quen sabe… algún deles pode ser o inicio dunha carreira profesional.