Referencia bibliográfica
Lingua de publicación:
español
Resumo
O presente número monográfico ten como obxectivo explorar os diversos enfoques, tendencias emerxentes e oportunidades que están a transformar as industrias do entretemento dixital, centrándose na súa relación coa industria dos servizos lingüísticos, a tradución e a interpretación. Este volume busca analizar como estas industrias en constante evolución están a impactar nas prácticas e políticas lingüísticas, profesionais e académicas na tradución e na interpretación, así como na produción e adaptación de contidos multilingües.
O entretemento dixital abrangue un panorama diverso que inclúe plataformas de streaming, videoxogos, realidade virtual, intelixencia artificial e redes sociais, entre outros. Estas tecnoloxías non só redefinen as experiencias dos consumidores, senón que tamén presentan desafíos e oportunidades na localización, adaptación cultural e tradución, elementos clave para a accesibilidade e o impacto global destes produtos (O’Hagan e Chandler, 2016). Neste sentido, o concepto de paratradución, desenvolvido pola Escola de Vigo, adquire un papel central, xa que aborda o proceso de produción e adaptación de todos os elementos semióticos, lingüísticos e extralingüísticos que rodean un produto cultural (Méndez González, 2022b; Yuste Frías, 2012). Este enfoque é especialmente relevante no ámbito do entretemento dixital, onde a experiencia do usuario se ve influída por decisións de deseño, mercadotecnia e tradución.
Na era dixital, os encargos de tradución multimodal presentan retos únicos, xa que inclúen elementos textuais, paratextuais e visuais que deben integrarse de maneira coherente para construír significado, ademais de seren produtos que se transmiten a través de canles multisensoriais, xa que, ademais do visual e do auditivo, tamén é relevante o sensitivo, cun mando de control que non só actúa como nexo entre o usuario e a pantalla, senón que, cando os desenvolvedores o aproveitan, se converte en parte da transmisión da mensaxe.