Referencia bibliográfica
Schurster, K., Ferreiro-Vázquez, Ó., & de Amaral Maia, T. [Eds.]. (2025). Teaching History Socially: Alive Questions. Valencia: Tirant Humanidades. ISBN 978–84-1081–116‑4.
Lingua de publicación:
English
Resumo
A ensinanza da historia nunca foi neutral. Como docentes e investigadores, enfrontamos o desafío de tratar temas sensibles, aqueles que tocan feridas abertas e espertan debates intensos na sociedade. Xunto cos meus colegas Karl Schurster (Universidade de Pernambuco e Vigo) e Tatyana de Amaral Maia (Universidade do Estado do Río de Xaneiro), editamos o libro Teaching History Socially alive questions, unha obra que explora como estes temas «socialmente vivos» impactan na educación histórica en distintos contextos.
Dende a memoria do Holocausto ata a ensinanza das ditaduras en América Latina, pasando pola representación dos pobos orixinarios e a influencia da extrema dereita na educación, o libro reúne investigacións de especialistas de Brasil, Arxentina, España, Francia e Portugal. Todos eles comparten unha preocupación común: como ensinar historia de maneira crítica nun mundo onde o negacionismo e a manipulación do pasado están en auxe?
Este proxecto nace da convicción de que a ensinanza da historia debe servir para formar cidadáns reflexivos e comprometidos cos dereitos humanos. Non abonda con narrar o pasado, senón que debemos cuestionar como se lembra, que se esquece e que significados construímos arredor del.
En tempos nos que a ensinanza da historia está baixo ataque en moitas partes do mundo, esta obra busca ser unha ferramenta para docentes e estudantes que, coma nós, cren na historia como unha vía para a comprensión e a transformación social.