É unha honra para min anunciar que formarei parte do tribunal avaliador na categoría de Creación de videoxogos dentro do programa Xuventude Crea 2024, organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. Este certame anual destaca polo seu apoio á mocidade galega, promovendo a imaxinación e a innovación en varias especialidades artísticas. Desde a súa creación, Xuventude Crea converteuse nunha plataforma chave para que a xuventude galega amose o seu talento, funcionando como un escaparate para múltiples disciplinas artísticas, incluíndo arte urbana, fotografía, música, poesía, teatro e, por suposto, a creación de videoxogos.
Este ano, Xuventude Crea celebra os seus 15 anos, introducindo importantes novidades e ampliando o seu alcance para incluír novas especialidades como DJ e Creación de Contido. As categorías incluídas na edición 2024 son: Artes plásticas, Arte urbana, Banda deseñada, Cociña, Creación de contido, Creación de videoxogos, Danza moderna, Deseño de xoias, DJ (Disc-Jockey), Fotografía, Moda, Música, Novela curta, Poesía, Teatro e Videocreación.
A categoría de Creación de videoxogos é un claro reflexo da aposta pola modernización e diversificación das actividades culturais entre a mocidade. Os proxectos participantes deben ser orixinais, cun prototipo funcional ou xogo completo en galego, demostrando o potencial técnico e creativo dos novos creadores.
A miña experiencia nesta área enriquécese coa contribución na creación do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) da Universidade de Vigo, cuxa idea orixinal foi miña e comezou a desenvolverse no curso 2018–2019 grazas ao traballo de outros dous profesores do Grupo de investigación Tradución & Paratradución (T&P): José Yuste Frías (IP do grupo de investigación T&P) e Ramón Méndez González e, aos que se uniu un cuarto membro, Emmanuel Bourgoin Vergondy, no curso 2019–2020. O obxectivo deste título é amplificar e afondar na formación ofrecida en Tradución de videoxogos desde o curso 2013–2014 na Facultade de Filoloxía e Tradución, co fin de cubrir as necesidades específicas deste sector en expansión.
Ademais da miña participación no tribunal, estarei o 5 de novembro na Cidade da Cultura participando nun coloquio coas persoas gañadoras, onde analizaremos os traballos presentados e compartiremos experiencias sobre o proceso creativo e o desenvolvemento de proxectos no eido dos videoxogos. Este será un espazo enriquecedor para intercambiar ideas e explorar as perspectivas futuras no sector.
Eslumezo por colaborar nesta edición e ser testemuña directa da creatividade e do talento que esta nova xeración de creadores trae ao panorama galego.