A mediados deste mes de abril 2025, terei a honra de participar na Feira Estudiar en España, organizada polo SEPIE (Servicio Español para la Internacionalización de la Educación), representando á Universidade de Vigo como director da área de Plurilingüismo. Nesta ocasión, acompañarame tamén Iago Pozo, director da área de internacionalización.
A feira, que se celebrará en tres das principais cidades do Cono Sur —Santiago de Chile (22 de abril), Bos Aires (24 de abril) e São Paulo (26 de abril)— terá como obxectivo promocionar o sistema universitario español e captar talento internacional. Trátase dun evento estratéxico para o noso país e para a nosa universidade, xa que Chile, Arxentina e, especialmente, Brasil, son mercados clave para a internacionalización do ensino superior.
Brasil, pola súa proximidade lingüística co galego e o portugués, é un caladoiro natural para a Universidade de Vigo, favorecendo a integración do estudantado e facilitando os intercambios culturais e académicos.
Ademais da nosa presenza na feira, manteremos reunións institucionais con universidades locais co obxectivo de explorar e asinar posibles convenios de colaboración, tanto en programas de mobilidade estudantil e docente como en proxectos académicos e de investigación conxunta.