IMPACTO EN MEDIOS:
Faro da Cultura (30/10/2025). Videoxogos en galego. Dispoñible aquí.
A Galega Audio (08/10/2025). A tarde (a partir do minuto 48). Dispoñible aquí.
Consello da Cultura Galega (06/10/2025). A Universidade de Vigo promove unha mostra sobre os videoxogos en galego. Dispoñible aquí.
Tele Mariñas (01/10/2025). La exposición «O videoxogo en galego» arranca en Vigo y recorrerá varios institutos de la provincia. Dispoñible aquí.
Val Miñor TV (01/10/2025). La muestra «O videoxogo en galego» arranca en el IES Politécnico de Vigo su recorrido por institutos de la provincia. Dispoñible aquí.
Compráceme anunciar a posta en marcha da exposición itinerante «O videoxogo en galego», un proxecto no que formo parte do comisariado xunto con Ramón Méndez e José Yuste. A iniciativa está promovida pola Universidade de Vigo, co financiamento da Deputación de Pontevedra e a participación da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, e nace coa vontade de dar visibilidade a un ámbito en crecemento que une creatividade, tecnoloxía e identidade lingüística.
O videoxogo é hoxe unha das formas culturais máis presentes na vida da mocidade. A súa capacidade para contar historias, transmitir coñecementos e xerar comunidade convérteo nun espazo privilexiado tamén para a lingua galega. A través desta exposición queremos demostrar que o galego pode ser unha lingua plenamente funcional no mundo dixital, alén de recoñecermos o traballo de creadoras e creadores, tradutoras e tradutores, e estudos independentes que xa están a apostar por el como lingua vehicular.
A mostra está concibida como itinerante e achegarase a diferentes centros de secundaria da provincia de Pontevedra. Inclúe paneis informativos, pezas expositivas en formato físico e dixital, obradoiros participativos e recursos accesibles en liña que permitirán ampliar a experiencia máis alá da visita presencial. O seu obxectivo é múltiple: dar a coñecer os videoxogos en galego, fomentar o pensamento crítico sobre a lingua e a identidade cultural na industria, dinamizar o uso do galego a través de formatos atractivos e abrir novas posibilidades profesionais vinculadas ás tecnoloxías e á creación cultural.
Quero facer unha mención especial ao antigo estudantado do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV), que participou activamente tanto na elaboración da exposición como nas visitas aos centros para desenvolver actividades co alumnado: Elena Valle García, Leticia Robles Soneira, María Herrero Prado, Ana Doval Fernández, Paula Regueiro Fajín e Lois Denís Agrelo Arxóns. A súa implicación e entusiasmo son unha mostra clara do valor desta formación e do potencial das novas xeracións de profesionais do sector.
«O videoxogo en galego» quere ser, en definitiva, unha ferramenta para a promoción da nosa lingua e para a posta en valor dun produto cultural estratéxico na Galicia do século XXI. Estou convencido de que esta exposición abrirá camiños novos e contribuirá a reforzar a presenza do galego no eido dixital.