No apartado de Docencia desta web, atoparedes toda a información relativa á miña actividade docente en grao, posgrao, doutoramento e título propio. Na miña traxectoria profesional, tiven o privilexio de impartir clases de francés en diversos contextos educativos e profesionais. Traballei como docente nun centro de formación profesional, impartín clases de francés marítimo, especializado para a industria marítima. Ademais, ofrecín formación en francés para a industria da automoción, colaborando co tecido industrial do sector. Tamén tiven a oportunidade de ensinar francés na Escola Oficial de Idiomas e en educación secundaria, contribuíndo á formación integral de estudantes de todas as idades.
Cando me licenciei en tradución e interpretación pola Universidade de Vigo, marchei cunha bolsa de auxiliar de español a Francia, máis concretamente a Limoux, no sur. Ese foi o meu punto de inflexión para decidirme pola docencia. Ao ano seguinte, entrei no departamento de Tradución e Lingüística para dar clases como profesor convidado, compaxinándoo coa miña tarefa de tradutor xurado de francés e outros tipos de traducións. Ademais, exercín como intérprete, sobre todo de portugués, debido á alta demanda e á escaseza de profesionais nesa combinación, especialmente cara ao portugués. Paralelamente, traballei como xestor de proxectos de tradución para unha importante empresa do sector na cidade olívica, o que me permitiu adquirir unha valiosa experiencia na xestión e coordinación de proxectos de tradución e interpretación. Posteriormente, comecei a traballar como docente de francés en centros de secundaria e Escolas Oficiais de Idiomas en Galicia, o que consolidou a miña vocación polo ensino. Durante anos, impartín clases no departamento en calidade de profesor asociado, o que me permitiu seguir crecendo e desenvolvéndome no eido académico.
Neste apartado, poderedes coñecer máis sobre os cursos que imparto actualmente, incluíndo clases de grao en Tradución e Interpretación, mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI), mestrado de Profesorado e o título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV), ademais de seminarios ao alumnado de doutoramento en Tradución & Paratradución (T&P). Este percorrido non só destaca a miña dedicación ao ensino, senón tamén o meu compromiso coa formación de futuros profesionais no ámbito da tradución e a interpretación e a de docentes de linguas estranxeiras.